Friday 17 de May de 2024

María Canosa, gañadora da quinta edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro


A quinta edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro xa conta coa obra gañadora. O xurado decidiu que a distinción vaia parar a Teño un volcán dentro, de María Canosa. O seu nome súmase así á listaxe de galardoados das anteriores convocatorias: Patricia Mallo, con Os Fantom; Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma do baúl pechado; a terceira edición quedou sen adxudicar ao estimar que ningún dos textos acadaba a suficiente calidade literaria; e repetiu novamente Neira Cruz con Por mor de cinco pizzas aos catro queixos.

Marcos Calveiro, director de Edicións de Galaxia; Xosé Antonio Neira Cruz, escritor; e Encarna Pego, mestra e socia da A. C. Barbantia, destacan a heteroxeneidade dos preto de corenta orixinais presentados. O libro galardoado plasma a historia dun rapaz con síndrome de Asperger que chega a un novo centro educativo e narra o seu proceso de integración, ademais da adaptación do seu entorno próximo á situación. Adiantaron tamén que as bases da próxima convocatoria introducirán novidades como reduci-lo rango de idade do público receptor dos relatos a de 8 a 12 anos.

A concelleira da Cultura da Pobra do Caramiñal, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), explica que o premio supón unha dotación económica de 3000 euros, a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada pobrense para así inculca-lo hábito lector nas xeracións máis novas.

Convocado polo Concello xunto coa editorial e a entidade cultural xa sinaladas, o dito certame constitúe un referente no panorama galego que busca promove-los autores e autoras en lingua galega de literatura infantil, así como homenaxea-lo escritor Carlos Mosteiro.

A entrega do premio e presentación do libro efectuarase nos vindeiros meses.